Tuesday 07 de May de 2024

Inés Rey: “A conexión ferroviaria garante a viabilidade económica do porto exterior”


A alcaldesa da Coruña acompañou á secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, nun percorrido polas obras xa en marcha en punta Langosteira do novo tendido ferroviario

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañou esta mañá á secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, no seu percorrido polas instalacións do porto exterior da Coruña, no que se están a levar a cabo as obras da nova conexión ferroviaria, que permitirá que punta Langosteira alcance a plena operatividade.

Ás instalacións portuarias asistiron tamén o delegado do Goberno, José Miñones; o directorxeral do ADIF, Juan Pablo Villanueva; Álvaro Rodríguez, presidente de Puertos del Estado;Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade; Valentín González Formoso, presidente da Deputación; Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña.

Rey agradeceu o apoio do Goberno central a unha infraestrutura clave para a cidade, tanto no aspecto económico como polo potencial de transformación urbana que ofrece a liberación dos peiraos interiores: “Hoxe facemos posible a completa operatividade do porto, iso xa é moito, pero realmente supón moito máis, porque hoxe tamén facemos posible unha cidade diferente, unha cidade que recupera para o seu uso urbano o seu porto interior, algo que sen tren non sería viable”, indicou Inés Rey.

A alcaldesa agradeceu a Isabel Pardo de Vera a boa disposición amosada sempre para apoiar desde o ministerio ás demandas da cidade, agradecemento que fixo extensivo á ministra Raquel Sánchez “pola súa atención aos proxectos clave desta cidade”.

A obra do tren a punta Langosteira impulsouse durante o actual mandato despois de que a alcaldesa reunise por primeira vez a todas as administracións implicadas na transformación portuaria.